Agenda Evento


O IV Encontro Sendeirista e Cultural "Lucus a Pé" ten como obxectivo fundamental o de achegar e difundir os valores culturais e paisaxísticos da cidade de Lugo e o seu ámbito a través do sendeirismo, mediante unha ruta especialmente deseñada para que os participantes coñezan e admiren os monumentos máis emblemáticos da cidade e parte do magnífico cinto verde da súa contorna.

A organización do "Lucus a Pé" corre a cargo da "Sociedade Micolóxica Lucus”, unha asociación sen ánimo de lucro que dende hai máis de 13 anos é un referente na organización de eventos con grande éxito de participación no ámbito da cultura, a micoloxía e a natureza na cidade de Lugo.

O "Lucus a Pé" comezará ás 9’30 da mañá coa reunión e recepción dos participantes na Rúa San Marcos, en fronte ao edificio da Deputación de Lugo, onde ademais da entrega de información e vales, se lles dará a benvida por parte dos organizadores e as autoridades públicas colaboradoras.

Iniciarase a ruta accedendo ao adarve da Muralla Romana polas escaleiras laterais da Porta Falsa situada na Praza do Ferrol, onde se realizará un acto de recreación histórica por membros da Asociación de Recreación Histórica "Terra Copora".

Tras percorrer un tramo da Muralla, descenderase na Porta de Santiago, para pasar a carón da Catedral e a Piscina Romana de Santa María, saíndo de novo pola Porta de Santiago cara á Ponte Romana pola Calzada da Ponte. O percorrido continuará polo paseo do Río Miño percorrendo parte do mesmo polas súas beiras, e atravesando as magníficas paraxes e bosques de ribeira que nos ofrece o Miño ao seu paso por Lugo.

Como importante novidade, este ano o percorrido modificouse, ofrecendo dúas posibilidades de ruta: Unha curta polo Miño (12,200 Km en total) e unha longa (17,700 Km) facendo un tramo circular do precioso paseo do río Mera, incorporándose logo de novo ao tramo do Miño, e concluíndo no espazo verde do Club Fluvial de Lugo onde terá lugar a comida ao aire libre e un merecido descanso co río como compañeiro de excepción.

¡ Anímate e participa con nós nesta ruta !

Información e inscricións na web oficial do Lucus a Pé:www.smlucus.org/lucusape